PROGRAMA
Un Ourense xestionado

04:27 17/05/19
É responsabilidade dos xestores municipais levar adiante unhas contas locais que sexan transparentes e equilibradas, co cidadán no centro das políticas.
- Transformar o papel orzamentario
- Actuar con total transparencia tanto no desenvolvemento dos procesos selectivos como na xestión interna, actualmente moi opaca no detalle das partidas orzamentarias.
- Reducir os elevados gastos de estrutura e destinar maiores recursos á descentralización por barrios e distritos.
- Orientar os recursos públicos á promoción da empresa colectiva (con dous ou máis socios) antes que á figura do empresario/a individual.
- Impulsar alianzas entre comercios a través de cooperativas de servizos e aproveitar sinerxias en comunicación, administración, formación, uso de novas tecnoloxías, defensa legal, compra de consumibles, negociación con bancos ou distribución.
- Condicionar a contratación municipal a criterios de xustiza social e ambiental
- Establecer un selo municipal de calidade na contratación do Concello, como esixen a FAVB e diferentes axentes sindicais.
- Aplicar cláusulas sociais e ambientais a todos os contratos, incluídos os de menor contía (que son os máis numerosos) e outorgarlles un maior peso nos procesos de licitación.
- Ampliar o alcance, especialmente nos ámbitos laborais, dos principios de igualdade entre homes e mulleres e da diversidade funcional, esixindo uns mínimos ás empresas licitadoras.
- Incrementar as medidas de control sobre o cumprimento destas cláusulas, e ampliar o programa ás subvencións municipais.
- Auditar os servizos externalizados por contrato, crear mecanismos de control e seguimento, establecer sancións efectivas por incumprimento contractual e reverter, cando sexa necesario, os que non garantan a calidade do servizo e/ou menoscaben os dereitos laborais, reforzando o persoal propio do concello.
- Remunicipalización e control de gasto
- Temos por obxectivo primordial remunicipalizar empresas. Alá onde non sexa posible ou inmediato lograr a internalización dos servizos públicos, introduciremos cláusulas sociais na contratación para asegurar uns niveis mínimos de condicións laborais e sociais, favorecendo ás PEMES e cooperativas que garantan sustentabilidade e emprego de calidade.
- Faremos unha análise seria e metódica dos gastos do concello destinadas a eliminar gastos fixos innecesarios ou prescindibles.
- Consideramos que a xestión económica e o bo uso do diñeiro é un eixo básico e fundamental sobre o que pivotar calquera tipo de acción posterior. Por unha banda, estudar a débeda do Concello e evitar futuros endebedamentos innecesarios.
- Doutra banda, adaptar os tipos impositivos e a xestión da recadación para facer efectivo iso de “quen máis ten, máis paga”.
- Promover unha listaxe de impostos, que ensinará xente de que é o que está a pagar.
- Dentro desta meta, apostamos pola recuperación do servizo da auga, cunha revisión profunda do proceso de privatización e coa remunicipalización do mesmo, co obxectivo de poder levar a cabo unha xestión pública e democrática. Durante este proceso, interviremos en cada barrio para que se garanta a subministración e para que se regulen adecuadamente as tarifas, controlando que os custos declarados sexan xustificados e non escondan unha xestión ineficiente ou beneficios ilexítimos. Tamén avogamos por una mellora na estrutura tarifaria para abaratar os consumos máis básicos e penalizar os consumos elevados, avanzando cara a unha tarifación social e ecolóxica real.
- Estableceremos taxas simbólicas para as termas, as piscinas e os autobuses
- Os informes do interventor do Concello serán vinculantes para nós á hora de votar nun pleno.
- Apostar polas empresas socialmente comprometidas
- Outorgar ás empresas que cumpran criterios sociais e ambientais xustos (soldos dignos, contratación estable, saúde laboral, participación) un selo municipal de calidade, que dote de prestixio a marca de Ourense Ecosocial, tanto para a poboación como para o turismo. Para impulsar este procedemento, propoñemos:
- Crear un consello plural e independente encargado de promover o cumprimento e revisión dos requisitos, establecendo mecanismos de comunicación positiva co conxunto de usuarios e usuarias das actividades económicas susceptibles de acceder á etiqueta.
- Iniciar accións de control, en colaboración coa inspección de traballo e en diálogo coas diferentes organizacións sindicais e patronais, das condicións laborais dos traballadores e traballadoras de empresas instaladas na cidade, vinculadas ao sector servizos.
- Elaborar plans de promoción económica específicos para este ámbito.
- Promover unha fiscalidade máis xusta
- Impulsar unha fiscalidade municipal máis xusta e ecolóxica. Estudar formas de incremento sustentable dos ingresos tributarios do Concello.
- Prever e mellorar determinadas bonificacións fiscais para as persoas con máis necesidades, así como conseguir un Imposto de Bens Inmobles de carácter social e progresivo.
- Levar a cabo unha revisión global do sistema de taxas e bonificacións fiscais municipais para favorecer unha transición cara unha sociedade con menos impacto ecolóxico e que atenda mellor ás necesidades sociais e a diversidade funcional, na liña do que defende a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico e que xa comezaron a aplicar outras cidades.
- Ningún privilexio fiscal no IBI ou noutros impostos, taxas e prezos públicos para a Igrexa católica ou calquera outra confesión relixiosa.
- Poñer a innovación ao servizo da cidadanía
- Pensamos en cidadáns e cidadás intelixentes nunha cidade corrente, e non nunha cidade intelixente que substitúe ao protagonismo cidadán. Por este motivo comprometémonos:
- Á colaboración municipal e social coas empresas e iniciativas de innovación social e tecnolóxica, e cos centros de investigación e I+D+i, co fin de poñer a innovación ao servizo das necesidades sociais e facer que o investimento público reverta na creación de emprego e retorno fiscal na cidade de Ourense.
- A promover plans de colaboración ca universidade, co sector de produción cooperativa e colaborativa, e co sector privado para favorecer proxectos I+D+I que respondan ás necesidades sociais da cidade e da soberanía ecolóxica.
- A desenvolver un plan estratéxico para vincular os grandes acontecementos relacionados co cambio tecnolóxico á implementación dunha rede de empresas locais que aposten polo software libre e a soberanía tecnolóxica.