Unidas Podemos comprométese coas necesidades das Anpas dos colexios públicos de Ourense

9D9EC6A1-5123-4F4A-BE8C-CA7ADD002AF7

Ourense, 24 de maio

Integrantes da candidatura de Unidas Podemos en Ourense ás eleccións do próximo domingo mantiveron un encontro coa Federación de Anpas Públicas da cidade, co obxectivo de coñecer a súa labor e as súas demandas.

En concreto, na xuntanza participaron Dolores Lluch, Sandra Armesto e Paloma Manzano, que felicitaron aos integrantes da federación pola “labor tan importante que están a facer nos colexios públicos da cidade”.

Durante o encontro, o presidente da federación, José Antonio Álvarez Caride, explicou os proxectos en marcha e lamentou ás “trabas” e a “excesiva burocracia” que, dende as administracións públicas, dificultan a súa labor.

En particular, o portavoz da entidade gabouse do seu servizo de cátering, que cumple unhas condicións de calidade moi esixentes para os nenos da cidade, como o requisito de ter cociña propia a menos de 20 minutos do colexio máis apartado, apostar polos productos frescos e ecolóxicos, basearse no comercio local e fomentar a educación dentro dos comedores, así como ter unha ratio baixa de nenos por monitor ou a reducción de envases.

RECLAMACIÓNS

Por outra parte, as integrantes da lista de Unidas Podemos interesáronse polas súas reclamacións, que pasan polas críticas aos atrasos da administración local.

A federación, indicaron, precisa que as bolsas de comedor saian a tempo para poder facer unha previsión adecuada das prazas e que as subvencións se convoquen e sexan aprobadas antes de comezar o curso escolar, para evitar a incertidume que limita a súa capacidade de acción. 

Ao mesmo tempo, criticaron que estean asumindo dende a federación “funcións que son máis propias da administración”, polo que reivindicaron un maior apoio.

Unidas Podemos amosouse completamente de acordo coa necesidade de incrementar o apoio e a atención ás necesidades das Anpas ourensanas, así como simplificar a burocracia, incidindo no papel da entidade en cuestións fundamentais como a alimentación dos escolares da cidade.